Cortan o tráfico ante o perigo dun turismo que empeza a arder en plena marcha en Estribela
Por Natalia Puga
Unha patrulla da Garda Civil auxiliou este martes un condutor ao que se lle incendiou o vehículo en plena marcha cando circulaba polo centro urbano da parroquia de Estribela, entre Marín e Pontevedra.
Segundo informou a Garda Civil, todo ocorreu ao redor das 9.00 horas. Unha persoa alertou ao Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia de que entre Marín e Estribela había un vehículo ardendo.
Unha patrulla do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra que patrullaba pola PO-546, a estrada vella de Pontevedra a Marín desprazouse ao lugar. Tras localizar o vehículo, un Ford Focus, e ante a gravidade da situación, decidiron asegurar a zona cortando a circulación para evitar males maiores.
O 112 tamén alertou á Policía Local de Marín, Protección Civil e os Bombeiros do Morrazo. Os efectivos de Tráfico colaboraron nas tarefas de extinción co extintor o vehículo oficial.
O vehículo resultou moi afectado polo lume e con danos de consideración, pero non houbo que lamentar danos persoais.
Segundo as primeiras informacións facilitadas pola Garda Civil, o incendio iniciouse de forma fortuíta co vehículo en marcha debido posiblemente a un curtocircuíto á altura do cadro de mandos.