Desvalixan as oficinas do servizo de recadación do Concello de Marín
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Cando os funcionarios do Concello de Marín accederon esta madrugada ao seu posto de traballo atopáronse cunha desagradable sorpresa, os ladróns desvalixaran as dependencias dos departamentos de Recadación e Urbanismo.
En Recadación a caixa forte atopábase aberta e os caixóns e mobles foran forzados e revoltos.
Segundo informaron fontes oficiais da Policía Nacional, os ladróns levaron 2.065 euros dunha caixa de caudais e outros 200 euros da caixa forte de tesourería. Gran parte deste diñeiro procedía das inscricións dos campamentos de verán.
A última hora da mañá aínda non se presentou denuncia oficial á espera de inventariar todo o sustraido.
A investigación iniciada polos axentes da Policía Nacional apunta que os ladróns accederon ao edificio por unha das xanelas da planta baixa onde se atopa a oficina de Recadación e desde alí rebentaron a porta para entrar na de Urbanismo, situada no primeiro piso.
A alcaldesa María Ramallo cre que será "conveniente" revisar a seguridade do edificio aínda que non se atreveu a relacionar o suceso de hoxe co roubo perpetrado recentemente na sede de Aduanas que se atopa moi próxima á Casa Consistorial de Marín.
"No se llevó ni ordenadores, ni móviles ni otros bjetos que están a la vista. Quien entró venía a por el dinero y la caja fuerte", dixo Ramallo.