Villares e Beiras reclaman en Marín unha Escola Naval aberta á cidadanía e unha ría limpa
Por Redacción
Hai apenas dous anos Marea Marín entraba na corporación municipal e este sábado os principais líderes de En Marea acudiron á Alameda do municipio para festexar este fito cos seus compañeiros. Así, Luís Villares, Xosé Manuel Beiras e Lidia Senra repasaron, xunto á portavoz local, Sandra Pesqueira, as principais demandas do concello.
Así, o portavoz parlamentario de En Marea reclamou que os terreos que ocupa a Escola Naval Militar, na ría de Pontevedra, poidan ser utilizados "libremente" polos cidadáns. Villares defendeu que os veciños do municipio deben poder gozar dun espazo que conta "coas mellores dotacións públicas".
O líder de En Marea asegurou que é "fundamental" cambiar un modelo de goberno "que nunca pensa no que necesitan os veciños" e, entre estas prioridades, situou a saída do complexo industrial Ence-Elnosa da ría para que a cidadanía "poida recuperar unha ría que estea limpa".
Ademais, sinalou que o centro de saúde, inaugurado recentemente pola Xunta de Galicia, "non cobre as necesidades" do municipio.
No acto conmemorativo do segundo aniversario da chegada de Marea Marín ao concello, Villares destacou que o "espazo político" que conforma esta formación "non só é necesario senón que demostra cada día a súa utilidade" ante as necesidades que o PP "non atende" neste municipio pontevedrés.
Xunto a Villares participou neste acto Xosé Manuel Beiras, membro do consello de En Marea, que cualificou como "imprescindible" a aparición das mareas para acabar coa "vella articulación da alternancia política", ao entender que este sistema "prexudica" á cidadanía.
Con En Marea, dixo, púxose en marcha unha política coa que buscan "acabar" co "desgoberno" do Partido Popular.
A eurodeputada Lidia Senra, pola súa banda, reivindicou a necesidade de que Galicia teña voz en Europa xa que na cámara comunitaria apróbanse "gran parte" dos regulamentos que "afectan" á vida dos cidadáns, pero criticou que se "dificulte" a participación de formacións "pequenas" na toma de decisións como pasou no caso do leite.