O Supremo confirma a condena para as asasinas de Secundino Prego en Chancelas
Por Redacción
O Tribunal Supremo, do mesmo xeito que xa fixera o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), desestimou o recurso de apelación que interpuxo Rocío Gondar contra a sentenza que lle condena, xunto a Albertina Táboas, polo asasinato en Chancelas (Poio) de Secundino Prego Amil.
Rocío Gondar e Albertina Táboas foron condenadas pola Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra tras un xuízo con xurado que as considerou culpables dun delito de asasinato. A Rocío Gondar impúxolle unha pena de 20 anos e medio de prisión por un delito de asasinato coa agravante de prezo e a atenuante de confesión e a Albertina Táboas, 22 anos de prisión.
Ambas as condenas foron confirmadas agora pola Sala Segunda do Supremo. Tan só Rocío Gondar presentara o recurso de casación agora desestimado. Alegaba que sufría dous trastornos de personalidade, pero a sentenza destaca que non hai indicios concretos de que no momento dos feitos as súas facultades mentais estivesen limitadas e que repercutisen na súa imputabilidade.
A resolución xudicial recolle que "non é posible afirmar por tanto que a súa capacidade de comprensión da ilicitude da súa conduta estivese limitada nin tampouco que un suposto trastorno de personalidade lle impedise autocontrolar a súa conduta e adecuala ás esixencias da norma".
Gondar alega que tanto na instrución como no xuízo denegóuselle como proba un recoñecemento por un perito especialista en psiquiatría para facer unha valoración psicolóxica coa que probar que sufría dous trastornos de personalidade. Con todo, o Supremo considera que a proba pericial psiquiátrica era pertinente, por referirse ao obxecto do proceso e ao que nel se debatia, pero non necesaria nin indispensable.
O asasinato ocorreu o 2 de febreiro de 2014, entre as 22,15 e as 23,50, cando as acusadas, que estaban de acordo para acabar coa vida do ancián, de 84 anos de idade, atacárono no camiño de acceso á súa casa de Chancelas. Para iso, golpeáronlle repetidas veces na cabeza cunha tixola, cuxo mango rompeu, o bastón da vítima, que tamén rompeu, e unha pedra, causándolle múltiples fracturas no cranio que lle produciron a morte no mesmo lugar.
As dúas condenadas traballaban como empregadas domésticas na casa da vítima e, segundo os feitos probados, Albertina Táboas planeou matalo para facerse coa súa herdanza despois de que a nomease herdeira universal, tras prometerlle que o coidaría, e ante o temor de que o ancián revogase o testamento. Rocío Gondar aceptou a proposta de axudarlle a matalo a cambio de diñeiro e entre ambas lle deron 18 golpes, dos que tres serían suficientes, cada un por si só, para causarlle a morte e o resto producíronlle un gran sufrimento porque cando os recibiu estaba con vida.
Relacionadas:
-
O TSXG rexeita que unha das condenadas polo crime de Chancelas teña un trastorno de personalidade
Por Oskar Viéitez |
-
Unha das acusadas do crime de Chancelas alega trastorno psiquiátrico ante o TSXG
Por Redacción |
-
Unanimidade no xurado: Albertina e Rocío mataron a Secundino "de común acordo" pola súa herencia
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Trece golpes na cabeza, tres deles cunha pedra, mataron a Secundino Prego
Por Alejandro Espiño |