Condenado a un ano e medio de prisión por morder nunha orella a un home
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra resolveu mediante un acordo de conformidade un xuízo por un delito de lesións con deformidade.
O acusado, Sergio R.R. maior de idade e con antecedentes penais non computables a efectos de reincidencia, o día 7 de novembro de 2015 sobre as 00:25 horas, atopábase no interior dun bar de Vilagarcía de Arousa, cando, tras iniciarse unha pelexa con A.A.M. e, "animado pola intención de menoscabar a integridade física deste", propinoulle unha dentada nunha orella, perdendo o agredido o coñecemento.
O acusado recoñeceu os feitos aceptando unha condena de 1 ano e 6 meses de prisión así como o pago de todas as costas procesuais. O tribunal interesou a suspensión desta pena polo prazo de tres anos e condicionada a que non delinca durante ese período.
Ademais terá que cumprir unha pena de 60 días de traballos en beneficio da comunidade.
En virtude deste acordo de conformidade o Ministerio Fiscal rebaixou a súa petición de condena. Inicialmente pedía, ademais das costas, a pena de tres anos e seis meses de prisión.
En concepto de responsabilidade civil, o acusado indemnizará A.A.M. na cantidade de 770 euros polas lesións sufridas e na cantidade de 1.200 euros pola secuela causada.
O fiscal pediu que se acorde a apertura inmediata de peza separada de responsabilidade civil, requirindo ao imputado para que preste fianza en contía suficiente para asegurar as responsabilidades pecuniarias que poidan declararse procedentes. Ademais solicitou se que practiquen as dilixencias oportunas para pescudar a verdadeira situación patrimonial do acusado.