Viascón agarda recibir a 1.300 comensais na festa do becerro ecolóxico ao espeto
Por Redacción
A parroquia cotobadesa de Viascón agarda recibir a 1.300 comensais o vindeiro domingo, 28 de maio, no marco da IV Festa Gastronómica do Becerro Ecolóxico ao Espeto, que foi presentada este mércores na casa consistorial de Cerdedo-Cotobade coa presenza do presidente, Jorge Cubela; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e membros da comisión organizadora.
Os organizadores explicaron que ata o momento xa se venderon 900 tiques para o xantar popular, que ten un prezo de 15 euros e inclúe empanada, carne con patacas, postres, viño ou auga e pan.
Ademais, seguiranse a vender os convites nos vindeiros días, ata esgotar existencias, en once puntos da comarca (Casa Manolo, Supermercado Tenorio, Carnicería O Agro, Cafetería Donegals, Ferretería Barco, Pan de Soutelo, Bar Hermida, Asador O Xavique, Comercial Sívar, Ernesto Filgueira A Casa dos Paraugas e Bar Espigueiro) e a través de Abanca.
A comisión detallou que se expedirán tiques para o evento incluso o propio día da festa sempre que non se completara o aforo máximo de 1.300 persoas que permite a enorme carpa que se instalará na contorna da Casa do Pobo e da igrexa parroquial de Viascón.
"Recomendamos que se merquen antes porque podes chegar alí o día da festa e que estean esgotados. Neste intre quedan unhas 400 prazas, pero a venda está collendo un ritmo espectacular", comentaron.
Ao respecto, Cubela quixo destacar "o esforzo" da comisión organizadora e louvou "o seu traballo e inxenio para obter tanto tirón de xente e consolidar de xeito importante unha festa en apenas catro edicións". Ademais, considera que este tipo de citas gastronómicas, das que Cerdedo-Cotobade ten un amplo calendario ao longo do ano, "contribúen a atraer moita xente e son un atractivo máis do noso concello xunto co medio natural".
Pola súa banda, Cores Tourís amosou o apoio da Xunta aos organizadores e a este tipo de iniciativas, xa que axudan a fortalecer as relacións sociais e de veciñanza e ademais supoñen un atractivo máis no eido turístico nun momento no que Galicia xa comeza a acoller a moitos visitantes a poucas semanas da chegada do verán.