Interceptan un marinense conducindo sen puntos tras roubar un bolso en Tomiño
Por Redacción
Axentes da Garda Civil interceptaron un veciño de Marín, de 48 anos idade, conducindo a pesar de ter retirado o seu permiso tras perder todos os puntos. Pero este delito contra a seguridade viaria non é o único que se lle imputa, xa que viña de roubar un bolso no interior dun vehículo aparcado en Tomiño.
Segundo informa o instituto armado, os feitos producíronse o pasado mércores 17 de maio. Identificaron o home nun control que se estaba desenvolvendo no lugar de Hospital (Tomiño) e comprobaron que tiña retirado o permiso de conducir pola perda total dos puntos.
Esta incidencia deu lugar a que se lle sometese a un rexistro superficial e atopáronselle dous cartóns bancarios a nome dunha muller e 415 euros en efectivo.
Eran os efectos que contiña un bolso de señora que fora subtraído momentos antes no interior dun vehículo estacionado nas inmediacións do cemiterio de Forcadela.
No interior do vehículo interviñéronselle, ademais, un teléfono móbil e outro cartón bancario, cuxas procedencias se están investigando, e unha serie de útiles e ferramentas, posiblemente utilizadas para cometer feitos delituosos de similares características, como patas de cabra, un desaparafusador, gorros ou luvas.
A esta persoa, que conta cun amplo historial delituoso por delitos contra a propiedade, considéraselle suposto autor dun delito de furto e outro contra a seguridade viaria e deberá comparecer, cando sexa citado, ante o xulgado de instrución de Tui, onde foron entregadas as dilixencias instruídas pola Garda Civil.