O polbo, en veda en toda Galicia ata o 3 de xullo
Por Redacción
Ata o próximo 3 de xullo queda prohibida a captura de polbo nas augas nas que Galicia ten competencias. Así o sinala a Consellería do Mar, que recorda que é a veda que vén sinalada no plan experimental para a xestión desta especie.
As capturas desembarcadas o 19 de maio poderán ser comercializadas tamén o 20 de maio naquelas lonxas nas que tradicionalmente se viñesen realizando vendas de polbo os sábados.
O período de veda do polbo significa que queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo.
Polo tanto, as embarcacións dedicadas á captura de polbo con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto. Este tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas acadadas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.
A veda é unha das medidas técnicas que comprende o plan de experimental do polbo, co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.
A partir do día 3 de xullo -data na que remata a veda- ata o 30 de agosto, a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilogramos día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilogramos día.
No que resta de campaña a cota máxima será de 50 quilogramos por embarcación e día, cantidade á que se lle engaden 50 quilogramos por día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 quilogramos diarios.
O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06:00 horas -aínda que poden saír do porto ás 05:00- e finalizará ás 16:00 horas e o descanso semanal desenvolverase dende as 16:00 horas do venres ata as 6:00 horas do luns. O número de nasas permitido está en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados.