A escola infantil de Aios consegue a matriculación mínima para manterse aberta
Por Redacción
A concelleira de Educación de Sanxenxo, Sandra Fernández Agraso, recibiu este venres confirmación de que a escola de Educación Infantil de Aios continuará aberta este curso escolar.
O incremento da matrícula, logrando o cociente esixido de 6 alumnos, levou á Inspección de Educación a descartar o informe favorable ao peche que inicialmente barallou debido a que o centro escolar só contaba con cinco nenos.
A decisión resulta esperanzadora para os veciños de Aios, que confían en que o futuro desta escola unitaria non volva estar en dúbida nos próximos anos, xa que Aios dispón de entre 7 e 9 escolares que acudirán a este centro durante o curso 2018-2019, cubrindo novamente o cociente esixido por Educación.
A edil nacionalista Sandra Fernández Agraso contou co apoio de todos os colectivos de Noalla durante estas semanas en que mantivo aberta unha liña de conversacións tanto coa profesora do centro como con Inspección de Educación e agradece a sensibilidade da Xefatura Provincial para con este tema, o que facilitou unha resolución satisfactoria.