No Hospital Provincial celebran o "día do neno"
Por Redacción
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra celebrou este venres o Día do Nacional do Neno Hospitalizado, que se conmemora o sábado, para poñer en valor o esforzo de humanización que, día tras día, realizan os profesionais sanitarios, mestres e voluntarios para que a estancia dos cativos nos centros sanitarios sexa o máis agradable posible.
A acción, promovida pola Fundación Atresmedia, tamén ten como obxectivo institucionalizar o 13 de maio a nivel internacional como data oficial para a render homenaxe aos pequenos e ás súas familias.
Entre as actividades que o persoal da área de Pediatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra levou a cabo para conmemorar este día, destacan a colocación de globos vermellos con bicos estampados na Escola do Hospital Provincial e nalgunhas habitacións.
O persoal de enfermaría e os pacientes do Hospital de Día Psiquiátrico quixeron achegar o seu gran de area e participaron na xornada entregando aos pequenos numerosos agasallos, tales como vermes de papel, xoguetes e xogos de mesa elaborados con materiais reciclados e un conto que foron deseñados por eles mesmos ao longo das últimas semanas, incluíndo este labor nos seus traballos de rehabilitación, entre os que se contempla a elaboración de tarefas manuais.
Como agradecemento polos agasallos recibidos, os rapaces hospitalizados cantaron aos pacientes da unidade de Psiquiatría a canción "Un beso redondo" e agasallaron aos pacientes psiquiátricos cos globos vermellos de bicos estampados.
Outra das actividades que centrou a celebración do Día do Nacional do Neno Hospitalizado no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra foi a elaboración dun mural no Hospital Provincial coa contribución dos profesionais sanitarios e non sanitarios e cos cativos ingresados. Para levar a cabo o mural, que tamén ten como finalidade a concienciación sobre a hixiene de mans, os participantes deixaron a pegada da súa man sobre unha das paredes do centro hospitalario.