A Deputación e o Instituto Cervantes de Lisboa abren liñas de colaboración
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo este mércores un encontro co director do Instituto Cervantes de Lisboa, Javier Rioyo, no cal ambas as dúas institucións adiantaron o seu compromiso polo desenvolvemento de liñas de colaboración mutua en proxectos en materia tanto de turismo como de cultura.
Carmela Silva fixo balance da súa visita á capital de Portugal sinalando "a miña enorme satisfacción polo resultado de todos os encontros mantidos ao longo destes días, xa que tivemos unha moi boa acollida en todas as institucións coas que mantivemos xuntanzas".
Ademais, Carmela Silva salientou que "esta non foi unha visita que tivese como única finalidade a promoción turística do Destino Rías Baixas, senón que se estableceron proxectos concretos e accións que imos desenvolver con todas e cada unha destas institucións".
Con este encontro, Carmela Silva pechou a súa axenda institucional na capital portuguesa con este encontro co director do Instituto Cervantes lisboeta, no cal se estableceron sinerxías de colaboración que permitirán á Deputación de Pontevedra e ao Instituto formular a curto e a medio prazo diversas accións, encontros, xornadas e outros proxectos de índole cultural e turística, enmarcadas estas últimas en cadansúa estratexia turística para a campaña 2017.
Pola súa banda, Javier Rioyo asegurou ser “un namorado das Rías Baixas, cousa que podo afirmar con total seguridade xa que levo veraneando en Aldán, Cangas, dende hai máis de 20 anos” e salientou o seu “empeño, dende que cheguei á dirección do Instituto Cervantes de Lisboa, na necesidade de colaborar coa provincia de Pontevedra á hora de establecer proxectos comúns ligados ao Camiño portugués a Santiago de Compostela”.