A subdelegada do Goberno en Pontevedra reúnese cos organizadores das xornadas 'Ponte a Conducir'
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, reuniuse este mércores cos organizadores das xornadas 'Ponte a Conducir', coordinadas pola Plataforma Galega pola Seguridade Viaria. Na reunión estiveron presentes o presidente da citada plataforma, Manuel Picón; o xefe da Policía Local de Poio, Antonio Duarte; o presidente de FANPA, Rogelio Carballo; e o representante de Cruz Vermella en Pontevedra, Paulino Torres.
A cuarta edición destas xornadas celebrarase en setembro en Pontevedra e en Poio, e nelas os alumnos, de diferentes centros da provincia, aprenderán normas sobre seguridade viaria co fin de concienciarse da súa importancia.
Posteriormente, terá lugar un concurso de debuxos cuxos gañadores serán premiados nun acto na Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
A subdelegada do Goberno, Ana Ortiz, quixo agradecer aos organizadores o esforzo pola posta en marcha deste tipo de accións que tratan de concienciar desde idades temperás sobre a importancia da educación viaria desde diversos puntos de vista, xa sexa como condutor ou peón, e a necesidade de involucrar a todos os axentes que poidan axudar a mellorar a seguridade nas nosas estradas.