Vehículos antigos percorren a Ruta da Lanzada
Por Diego Torrado
Esta fin de semana hai posibilidades de atoparse con antigos autobuses da empresa Cuíña polas estradas das Rías Baixas ou con modelos de utilitarios que deixaron de fabricarse hai xa varias décadas. Forman parte da actividade organizada polo Club A.V.A. (Amigos dos Vehículos Antigos), fundado na cidade do Lérez en 1984) que desenvolve a tradicional Ruta turística da Lanzada.
Este sábado, os participantes cos seus vehículos concentráronse na praza de España ante o edificio histórico do Concello de Pontevedra. Centos de persoas achegáronse para ver estas auténticas pezas de coleccionistas do automóbil.
Durante este domingo viaxarán ata o Pazo de Rubiáns en Vilagarcía onde levarán a cabo unha visita guiada e unha cata de viño.
O club A.V.A. conta con preto dun centenar de socios que suman máis de 190 automóbiles antigos e 74 motocicletas clásicas.