O programa Violencia Zero chega ao IES de Poio
Por Redacción
Unha reflexión a través do xogo e do humor ácido sobre a visión da nosa sociedade sobre violacións e sobre que as mulleres sigan a ser un branco fácil das agresións machistas. Foi o fío condutor da perfomance que se celebrou este xoves no IES de Poio, dentro do programa Mulleres en acción: Violencia Zero.
Trátase dun programa impulsado pola Deputación de Pontevedra para concienciar á sociedade sobre as consecuencias do machismo.
As protagonistas foron as integrantes da parella artística LAG, Lara Buyo e Ana Corujo.
A performance, titulada Branco fácil é unha resposta aos lamentables consellos ás mulleres para non ser violadas que publicou o Ministerio do Interior en 2014, entre os que se atopaban recomendacións como "non pasear soas pola noite, levar un silbato, non poñer o nome no buzón no caso de vivir soas ou correr as cortinas da casa para evitar ser espiadas".
Os consellos, que xa non están colgados na páxina do Ministerio, suscitaron enormes críticas por parte de asociacións feministas, partidos e da sociedade civil en xeral por incidir na culpa das mulleres ante as violacións fronte á impunidade dos agresores.
As artistas, vestidas cuns bodies cunha diana na súa fronte e atadas a unhas porterías, armaron aos participantes con pistolas con pintura branca e convidáronos a dispararlles.
Con esta acción Buyo e Corujo quixeron poñer de manifesto, a través do humor ácido, a ironía e o xogo, "o normalizadas que se atopan as violacións" na nosa sociedade e como as mulleres "seguen a ser un branco fácil" das agresións machistas no noso día a día.
Ao remate houbo unha pequena charla para valorar as reaccións dos participantes, nas que algún alumno asegurou terse sentido "como un animal" por atacar a persoas inmobilizadas.
Relacionadas:
-
A Deputación programa 25 accións culturais para loitar contra as violencias machistas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A actriz Casilda Alfaro reflexiona en Bueu sobre a violencia machista
Por Redacción |
-
Carmela Silva pide rematar coa lacra do machismo nun acto de 'Violencia Zero' en Marín
Por Redacción |
-
Expresións artísticas que se converten en berros contra a violencia machista
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |