"Con unas manos chiquitas también se puede cambiar el mundo"
Por Mónica Patxot
A conciencia ambiental pódese adquirir desde as idades máis temperás e nesa liña está a traballar unha escola infantil de Pontevedra. Como parte do seu proxecto de colaboración coa asociación Amigos da Canceira de Poio, este mércores 16 dos 20 nenos de entre dous e tres anos do centro coñeceron o río dos Gafos e a súa riqueza natural á vez que aprendían a respectalo e coidalo con voluntarios da asociación ecoloxista Vaipolorío.
Os pequenos percorreron un tramo de ao redor dun quilómetro do paseo fluvial do Gafos acompañados das súas monitoras e voluntarios da asociación como parte dunha aprendizaxe para que tomen conciencia da importancia de non tirar ao río ningún tipo de residuo.
"Con unas manos chiquitas también se puede cambiar el mundo", sostén a directora do centro, Rocío López, que valora este tipo de actividades para crear cidadáns máis concienciados e solidarios.
Segundo explicou, no centro están a desenvolver un proxecto solidario para recadar fondos para a canceira de Poio no que recollen penso, mantas e todo tipo de donativos, pero tamén venden produtos elaborados polos nenos con materiais reciclados. Nese camiño cara á reciclaxe enmárcase a vista deste mércores, na que se mostraron moi atentos e mostraron un comportamento exemplar.
Na súa ruta estiveron guiados por Pablo Carro, de Vaipolorío, quen os guiou na ruta á vez que tentaba trasladarlles a importancia de non arroxar residuos ao río nin en plena natureza, pois "os nenos destas idades son a esperanza para o medio ambiente". 16 anos despois de iniciar o traballo voluntario de Vaipolorío, "aínda hai xente que bota residuos ao río".
O seu obxectivo coa visita deste mércores é que os nenos pasen a ser futuros coidadores do río e asimilen que "sen a auga doce, non poderíamos vivir", de modo que é importante coidar o río "para que a auga doce non desapareza nunca". Como parte da aprendizaxe, no seu paseo matinal atopáronse residuos tirados no propio río.