Cafeterías de Poio e Sanxenxo entre as vítimas dos dous vigueses detidos pola Garda Civil por medio centenar de roubos
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil detivo dous veciños de Vigo acusados dun delito de pertenza a un grupo criminal aos que se lles atribúe a comisión de medio centenar de roubos en cafeterías e restaurantes na provincia de Pontevedra, entre eles unha en Poio e outra en Sanxenxo.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, as investigacións levadas a cabo por efectivos do posto da Garda Civil de Baiona-Nigrán, iniciáronse por mor da proliferación dos roubos que se viñan producindo durante os últimos meses en bares e restaurantes no municipio de Nigrán, para o que se contou coa colaboración da Policía Local de Nigrán.
A análise pormenorizada dos roubos que se cometeron desde o mes de xaneiro foi determinante para concluír que non só podían ser perpetrados polas mesmas persoas, senón que tamén gardaban estreita relación con outros realizados en distintas localidades da provincia.
O modus operandi é practicamente idéntico en todos os casos investigados. Violentaban as fechaduras das portas dos establecementos utilizando uns alicates extensibles (pico de loro) e unha vez no interior subtraían as recadacións das máquinas recreativas, rexistradoras e expendedoras de tabaco, ocasionando cuantiosos danos materiais. Adoitaban actuar en grupos de dous ou tres persoas, perfectamente coordinados, coa cara cuberta e usando luvas.
O día 27 foron detidos en Vigo os dous principais responsables deste grupo criminal: J.B.L., de 33 anos e J.E.M., de 31, e intervéuselles a furgoneta que estaban a utilizar para a comisión dos roubos, unha Opel Vivaro de cor branca.
A investigación continúa aberta e non se descartan novas detencións
Ademais da furgoneta, a Garda Civil puido recuperar unha máquina recreativa e outra expendedora de tabaco que gardaba un dos detidos no seu domicilio e púidoselles incautar, ademais, as ferramentas (dúas patas de cabra, un pico de loro e tres desaparafusadores) e parte do vestiario (luvas e pezas de vestir) que utilizaran para a comisión dos roubos.
As dilixencias instruídas, xunto cos efectos recuperados e os detidos, foron postas a disposición do xulgado de instrución de garda de Vigo que decretou a liberdade provisional con cargos dos arrestados.
A investigación continúa aberta e non se descartan novas detencións.