Reordenan o aparcamento no campus con vistas a peonalizar a parte central
Por Alejandro Espiño
A "boa sintonía" que, segundo Anabel Gulías, existe entre a Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra permitirá avanzar na expansión do modelo urbano ao campus da Xunqueira. A institución educativa presentou un proxecto "ilusionante" que permitirá, a medio prazo, reordenar os aparcadoiros e peonalizar a parte central de todo este ámbito.
A recentemente nomeada concelleira de Urbanismo explicou que a "filosofía" desta actuación é mellorar a conexión entre o campus e a cidade.
Esta actuación arrancou coa construción de sendas peonís e dun carril bici e, tras a distinción como campus verde, realizáronse diferentes actuacións para liberar espazos para habilitar zonas verdes e áreas de esparexemento.
Agora, a universidade ampliará a área de aparcadoiro na contorna da facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, creando 22 novas prazas. A intención é concentrar toda a bolsa de estacionamentos nesa zona, de forma que o espazo central entre Ciencias Sociais e Forestais quede libre de tráfico e póidase aproveitar peonilmente.
A ampliación do aparcamento de Ciencias da Educación e do Deporte localízase entre a facultade e o vial público universitario paralelo á avenida de Campostela e afecta a unha parcela de 1.683 metros cadrados. O proxecto ten un prazo de execución de tres meses e nel investiranse 94.349,60 euros.
A mobilidade en todo este ámbito, explicou Gulías, estará garantida polos espazos circundantes ás facultades actuais, cuxa titularidade, se frutifican as conversións iniciadas, asumiría o Concello.
Xunto con esta actuación, o campus espera mellorar a conexión peonil coa Illa das Esculturas mediante novas sendas, para o que negocia con Adif a cesión duns terreos que permitan ampliar estes camiños.