A Policía local desartellou un punto de venda de drogas no centro de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Local de Pontevedra desartellaron esta semana un punto de venda de drogas situado na rúa Jofre de Tenorio, moi preto dos colexios Froebel, e Doroteas, así coma da Facultade de Belas Artes. Como resultado da investigación imputouse un mozo de 18 anos por un delito contra a saúde.
Segundo informaron fontes oficiais, os feitos remóntanse ao pasado 6 de marzo sobre as oito e media da tarde cando axentes municipais de patrulla descobren unha manobra sospeitosa nun vehículo que ao chegar á rúa Jofre de Tenorio, para fronte a un mozo que sube no coche e renovan a marcha. Os policías deciden seguir a este turismo e tras dar varias voltas polo centro urbano o rapaz baixa. Deciden entón seguir o conductor por varías rúas ata darlle o alto, intervíndolle 5,2 gramos de haxíx, que segundo explicou acababa de mercar.
Días máis tarde, o 12 de marzo, establecido un operativo de vixiancia na zona, os municipais identifican a outro coche do que sae unha persoa ata o mesmo rapaz, observando os axentes como éste entregaban un paquete con diñeiro a cambio. O paquete contiña varios cogollos de marihuana.
Finalmente o día 13 localizaron ao presunto vendedor. Os axentes notificáronlle que estaba sendo investigado por un delito contra a saúde, e para a súa sorpresa o rapaz levounos ata a súa casa e entregoulles de xeito voluntario medio ovo de haxíx e varios cogollos de marihuana.