A semana empeza con ceos de nubes e claros, pero o sol non tardará en regresar
Por Redacción
Despois de varias xornadas nas que o sol foi o protagonista único do ceo pontevedrés, a nova semana comeza nas Rías Baixas con nubes e claros, pero a previsión de Meteogalicia é que se dea unha alternancia dese tempo con momentos pouco anubrados ou despexados e que tan só ocasionalmente os ceo sexan moi anubrados.
Nas previsións a curto prazo de Meteogalicia prevese que faga acto de presenza a choiva, con precipitacións o martes pola tarde, pero logo volverá desaparecer e o tempo volverá ser estable o resto de semana.
En canto ás temperaturas, serán normais para este período, con mínimas que descenderán lixeiramente e rondarán entre os 7 e os 10 graos na primeira metade da semana e máximas que descenderán moderadamente e acadarán entre os 16 e os 20 graos ata o mércores.
Xa na segunda metade da semana, a situación meteorolóxica quedará de novo marcada pola presenza das altas presións polo que se agarda un tempo estable, maioritariamente seco e soleado entre o xoves e o domingo.
As temperaturas irán ascendendo progresivamente e os ventos tenderán a ir diminuíndo de xeito que a sensación na vindeira fin de semana probablemente volva a ser de calor.