Detido por roubar 1.700 euros en ferramentas e material de xardinería nunha casa de Caldas
Por Redacción
Un veciño de Caldas de Reis de 51 anos foi detido esta semana como presunto autor do roubo de ferramentas e maquinaria de xardinería valorado en 1.700 euros do interior dunha vivenda situada nunha rúa céntrica do municipio.
O roubo produciuse o pasado 6 de abril, pero a Garda Civil detívoo esta semana como resultado dunha investigación aberta por mor da denuncia por roubo presentada no posto do instituto armado en Caldas. O denunciante relataba que unha persoa que parecía coñecer perfectamente a distribución da vivenda.
Segundo consta na denuncia, o autor accedeu ao seu interior aproveitando a ausencia dos seus moradores e subtraeu diversas ferramentas e maquinaria. As pescudas realizadas polo equipo de investigación da Garda Civil de Vilagarcía e efectivos do posto de Caldas permitiron recuperar parte das ferramentas nun establecemento de compra venda de obxectos de segunda man en Vilagarcía de Arousa.
Unha vez recuperados os efectos roubados, os investigadores lograron identificar o presunto ladrón, que responde as iniciais JM.C.C.. Na súa casa recuperouse o resto do material subtraído, que aínda non fora vendido, e acúsaselle tamén dunha tentativa de roubo noutro domicilio da mesma zona que se truncou ao ser sorprendido in fraganti por efectivos da Policía Local.
O detido quedou en liberdade unha vez prestou declaración en dependencias da Garda Civil, pero ten a obrigación de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexa requirido, segundo informou a Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.