A Deputación culpa o Concello de Vilanova do afundimento no vial das Sinas
Por Redacción
Durante esta semana aparecía unha focha no viario EP-9702 das Sinas en Vilanova de Arousa. Desde a Deputación Provincial culpan o concello arousán, que goberna o popular Gonzalo Durán, deses danos.
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, lamenta que se produciu esta incidencia por unha mala conservación da rede municipal. Iso, sinala, provocou unha filtración na rede municipal da rede de saneamento. Desde o goberno provincial, afirman que os técnicos iniciaron a reparación ante o afundimento do firme.
Segundo explican, un pozo de rexistro atopábase en malas condicións e causou filtracións á plataforma da estrada, que terminou derivando nunha focha.
Uxío Benítez lamenta que o goberno local non manteña en bo estado a súa rede de saneamento e sinala que nos próximos días finalizarán os traballos de reposición do firme. Desde o ente provincial procederase a realizar unha avaliación económica dos danos e dos custos para remitila posteriormente ao Concello de Vilanova. Esta estrada une o centro urbano da vila coas Sinas.