O BNG critica que os "orzamentos do PP" non atenden as demandas dos marinenses
Por Oskar Viéitez
O BNG vén de analizar pormenorizamente o proxecto de orzamento presentado polo goberno municipal do PP para o ano 2017. Entre outras conclusións, os nacionalistas din que os números desvelan que o "suposto" superávit con que o concelleiro de Facenda di pechar o ano 2016, "non se corresponde coa realidade".
A cifra de gasto previsto no orzamento para o 2016 de 12.673.001,97 euros, "viuse superado con moito" polos 14.101.343,04 euros gastados finalmente. "A gran xestión da que presume o concelleiro delegado consiste en contemplar uns ingresos moi por debaixo dos que realmente sabe que vai ter, de xeito que sempre gasta menos do que recauda", critica o BNG de Marín.
Neste sentido o Bloque dí que "as cifras cantan" xa que no IBI preveu ingresar 2.260.000 euros, cando en realidade se ingresaron 2.349.397 euros, e a plusvalía superou nun 44% a cifra prevista, e os ingresos do IAE foron un 30% por riba do contemplado no orzamento.
O grupo municipal do BNG di que "outra curiosa forma de aforrar" do concelleiro Manuel Santos "é non executando os investimentos contemplados nos orzamentos do ano pasado".
Engade o BNG que o goberno local foi "incapaz" de levar a cabo ningún dos proxectos presupuestados con cargo aos recursos propios: "nin abriron a travesía do Infernillo, nin se expropiou a esquina da Roda e nin sequera se instalou o prometido ascensor do museo ".
O BNG afirma que a práctica totalidade das obras levadas a cabo no municipio de Marín débense aos 1.074.086,68 euros que o Concello ingresou vía Deputación "e que o señor Santos sumou ao seu orzamento despois de aprobalo". "A política de transparencia da nova Deputación salva ao noso Concello de caer nun total inmovilismo presupuestario", critican os nacionalistas.
SUBA DE IMPOSTOS
O BNG denunciou no seu momento a solicitude expresa realizada pola Alcaldía ao Ministerio de Facenda en 2015 para que se revisaran o valores catastrais no concello de Marín, "supuxo un aumento do IBI do 12% que sumado á retirada da bonificación por domiciliación do 5% sérvelle ao goberno local para falar de 'buena salud económica', mentres que moitos veciños e veciñas de Marín están "asfixiados economicamente ".
Así o denuncia o Consello de Contas de Galicia no seu último informe, destacando a Marín como o concello da súa categoría que encabeza a lista de reparos por non cumprir coa lei de Facendas Locais, alcanzando a "escandalosa" cifra de 5.739.660,86 euros gastados "sen a previa fiscalización e co único ánimo de non ser controlados polo servizo de Intervención e de non someterse ao control democrático do pleno. Ao tempo que se exerce unha política obtruccionista contra o labor da oposición".
En conclusión, o BNG de Marín resume que "a pesar da alegría coa que o concelleiro de Facenda fala das contas municipais, todos os proxectos importantes para Marín seguen pendentes: nin centro cultural, nin nave de deportes náuticos, nin pavillón de Seixo, nin recursos municipais para a nosa xuventude, nin proxecto cultural, nin axudas aos colectivos sociais… En definitiva, uns orzamentos practicamente idénticos aos de 2016 que manterán a Marín moi lonxe dos niveis de servizos dos concellos do noso arredor".