Marín pecha un orzamento de 13 millóns de euros para 2017
Por Redacción
Ata os 13.139.135 euros ascenderá o orzamento municipal de Marín para 2017. Trátase de case 470.000 euros máis (un 3,7%) dos que figuraban nas contas do pasado ano.
Segundo explicou o Concello, o 54% dos ingresos procederán de taxas e impostos directos e indirectos. Todos eles conxeláronse para este ano, pero si se prevé un pequeno incremento, sobre todo polas regularizacións e actualizacións do catastro.
O 46% restante chegará polas transferencias que realizan o Estado, que se incrementan 270.000 euros, e a Xunta de Galicia.
No capítulo de gastos, as principais partidas volverán ser as de persoal, que ascenderá a 5.029.263 euros -o 38,5% do orzamento-, e as de gasto corrente que chegarán aos 6.543.776 euros, que roza o 50% dos gastos anuais.
Os investimentos directos, pola súa banda, ascenderán a 805.000 euros, o que supón o 6,13% do total do orzamento para 2017.
Así, recóllense 110.000 euros para as expropiacións para ampliar a canle do río Lameira e para a apertura do viario entre a rúa República Arxentina e Inferniño, 50.000 euros para instalar un ascensor no museo Manuel Torres ou 150.000 euros para a futura humanización da rúa Concepción Arenal.
Ademais, outros 75.000 euros serán para a reforma da Alameda de Seixo, 230.000 euros para reformar e ampliar a pista de madeira e a bancada do pavillón da Raña e 130.000 euros para financiar proxectos incluídos na estratexia DUSI aprobada por Bruxelas.
Todos estes investimentos, asegura o goberno municipal, asumiranse con recursos propios, sen ter que recorrer a ningunha operación de crédito. A débeda, por tanto, prevese rebaixar en case 100.000 euros.
En canto ás subvencións, séguense mantendo as subvencións nominativas do Comedor Benéfico, Cáritas, a Asociación Española Contra o Cancro, SOS, Amenac, Sor Elvira e Cáritas Santomé. Mantense ademais a axuda ao Ateneo Santa Cecilia e dótase dunha subvención de 20.000 euros ao Peixe Galego e outros 45.000 euros para clubs deportivos.
O Concello asegura que se trata dun orzamento moi axustado e acorde coa realidade económica do municipio, cumprindo co obxectivo de estabilidade orzamentaria, así como coa regra de teito de gasto.
"Cremos que debería de ser un orzamento maior, tendo en conta a dimensión, os servizos e demandas do noso concello, pero que entendemos que non é o momento de incrementalo e por iso optamos por conxelar tanto as taxas como os impostos", afirma o goberno municipal.
Relacionadas:
-
Marín pechou 2016 cun superávit próximo aos 500.000 euros
Por Redacción |
-
Máis dun millón de euros investiranse nas próximas actuacións urbanas en Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Marín presenta a súa oferta de emprego público para este ano
Por Oskar Viéitez |
-
O pavillón da Raña poderá acoller a máis público tras o verán
Por Redacción |
-
O BNG critica que os "orzamentos do PP" non atenden as demandas dos marinenses
Por Oskar Viéitez |
-
Marín proxecta a segunda fase de melloras na contorna do río Lameira fronte ao centro de saúde
Por Redacción |
-
Os sindicatos apoian a proposta de relación de postos de traballo do goberno local de Marín
Por Redacción |
-
Marín amplía ata os 55.000 euros a contía das axudas aos clubs deportivos
Por Redacción |
-
Cinco millóns recibirá Marín da UE para financiar o seu proxecto Marín 2020
Por Redacción |