Un incendio nocturno calcina unha vivenda abandonada en Estribela
Por Redacción & Diego Torrado
Non foi a deste venres unha xornada tranquila para os bombeiros de Pontevedra. Apenas un par de horas despois de sufocar un incendio nos antigos talleres de Pazó, en Mollabao, outro lume requiriu da súa presenza. Foi en Estribela, onde un incendio calcinou case por completo unha vivenda abandonada.
No momento do sinistro non había ninguén dentro, polo que non houbo que lamentar vítimas.
A casa afectada está situada na rúa Montero Ríos, xusto no límite entre os concellos de Pontevedra e Marín.
O incendio produciuse sobre as nove e media da noite. O 112 Galicia avisou inmediatamente aos Bombeiros de Pontevedra, que para acceder á casa empregaron un oco aberto nunha das portas que estaban tapiadas con ladrillo.
O interior da casa quedou reducido a cinzas a pesar da rápida intervención dos bombeiros.
Ao lugar dos feitos tamén acudiron Protección Civil, Policía Local de Pontevedra e a Policía Nacional.
Foron informados ademais os Bombeiros do Morrazo, aínda que finalmente descartouse a súa intervención debido a que xa estaban a actuar os de Pontevedra cando chegaron á zona.
As autoridades investigan agora se este incendio ten relación co que ocorreu en Mollabao horas antes e tamén con, polo menos, outros dous lumes que foron sufocados este venres e que apenas tiveron consecuencias. Todos eles producíronse en inmobles ou propiedades abandonadas.