Os arquitectos denuncian o abuso de concursos restrinxidos e adxudicacións directas das administracións
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Os arquitectos pontevedreses fan un chamamento ás distintas administracións públicas, en especial aos concellos, para que "teñan máis sensibilidade co colectivo", pois a crise no sector inmobiliario reduciu o 90% a súa carga de traballo nos últimos dez anos e, agora, as súas oportunidades laborais vense truncadas porque os responsables das obras públicas apostan polos concursos restrinxidos ou de adxudicación directa.
O presidente da delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia, Manuel Abelleira, explicou que nos últimos tempos detectaron que se fan "demasiadas adxudicacións discrecionais de proxectos de obras" e practicamente ningúns concursos de proxectos. Non teñen coñecemento de ningún caso de incumprimento da Lei de Contratos, pero si consideran que esta forma de proceder non entra "dentro da boa praxe das administracións".
Para conseguir mudar esta tendencia, este venres decidiron facer esta denuncia pública de que as administracións "abusan" de fórmulas de contratación que "impiden a igualdade de oportunidades no colectivo" e tamén enviarán aos concellos, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e Administración estatal unha serie de recomendacións de boas prácticas.
A crise deste colectivo, que na demarcación de Pontevedra ten preto de 300 colexiados, comezou no ano 2007 e vaise agudizando na actualidade ata o punto de que se está producindo unha "fuga de talentos" con arquitectos que tiveron que emigrar a países como Perú, Chile, Alemaña ou Estados Unidos.
A situación que denuncian atribúena a todas as administracións públicas, pero en especial aos concellos. No caso de Pontevedra, onde ten a sede o Colexio, sinalan que os últimos concursos de proxectos que recordan impulsounos a ex concelleira de Urbanismo ata 2011 Teresa Casal para mellorar as medianeiras da Peregrina e para o deseño do Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA).
Abelleira compareceu acompañado pola tesoureira e o secretario da delegación pontevedresa, María Pierres e Anselmo Villanueva. Os tres insistiron en que tanto as adxudicacións directas como os concursos restrinxidos póñenlle freo ás oportunidades da xente máis nova e provocan que todos os traballos os fan os mesmos arquitectos e empresas.
Na súa opinión, deberían reactivarse as convocatorias de concursos de proxectos, pois os concursos restrinxidos inclúen cláusulas esixindo niveis de experiencia e facturación que impiden que poidan concurrir a maioría das empresas. Critican, asimesmo, que as administracións "ás veces, xogan coa baixada dos honorarios de xeito temerario".
Relacionadas:
-
RADIO.- Manuel Abelleira: "Cambiar a ordenación urbanística en Galicia é difícil porque é como somos"
Por Marisa Ciordia |
-
A Sala Nemonon, premiada polos arquitectos no certame Gran de Area 2017
Por Redacción |
-
Estes son os traballos feitos en Pontevedra que compiten polos premios galegos de arquitectura
Por Oskar Viéitez |
-
O Colexio de Arquitectos tamén opinará sobre o PXOM de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Colexio de Arquitectos destaca o labor de recuperación dos lavadoiros de Marín
Por Redacción |
-
Manuel Abelleira, reelexido presidente do Colexio de Arquitectos de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |