O Colexio de Arquitectos destaca o labor de recuperación dos lavadoiros de Marín
Por Redacción
A delegación do Colexio Oficial de Aquitectos en Pontevedra, e con motivo do Día Mundial da Arquitectura, ven de facer un recoñecemento ao labor de recuperación dos lavadoiros de Marín, como exemplo de recuperación e restauración do noso patrimonio popular.
En concreto, o colexio seleccionou o lavadoiro de Bexa, lugar de Soaxe, na parroquia de Seixo, recuperado no ano 2010 desde a Concellaría de Medio Ambiente e durante a xestión do BNG no goberno local, como recordou a formación nacionalista cun comunicado.
O colexio cualifica de "singular" esta construción e destaca a "a posta en valor do lavadoiro e o seu uso social e comunitario".
"Co tempo, e con este recoñecemento e interese por parte do Colexio de Arquitectos, vense a demostrar que sempre paga a pena investir na recuperación do noso patrimonio e poñer en mans de especialistas e profesionais este labor", engade a portavoz nacionalista e exconcelleira de Medio e Turismo, Pilar Blanco.