O BNG critica que Moraña rexeite os composteiros da Deputación e solicite os de Sogama
Por Oskar Viéitez
O goberno municipal de Moraña tomou a decisión de non acollerse formalmente ao Plan Revitaliza para a implantación dun sistema global de tratamento de lixo que a Deputación de Pontevedra puxo a disposición de todos os concellos da provincia. O BNG denunciou que a semana pasada, o Concello "dedicouse a repartir a través de Sogama 15 composteiros, sen orientación, axuda nin asesoramento de ningún tipo".
Os nacionalistas criticaron que o Partido Popular de Moraña continúa nesa "absurda cruzada política de afear calquera plan ou actuación do novo goberno da Deputación de Pontevedra, cruzada que só prexudica á nosa veciñanza, facendo perder unha oportunidade estratéxica para o noso Concello".
O BNG en Moraña di que esta actitude do goberno local "amosa a grave enfermidade sectaria" e que "demostra a falta de ideas e proxecto político que vaia máis alá de accións puntuais puramente propagandísticas".
Finalmente o grupo municipal do BNG lamenta que a alcaldesa popular Luisa Piñeiro e o seu grupo "continúen a actuar politicamente como uns hooligans contra un goberno por ser de diferente cor política cando deberían aproveitar os medios e recursos públicos que o resto de institucións lles poñen a disposición para o benestar da veciñanza".