Dous anos de prisión para un mozo por golpear a outro na cara cun botellín de cervexa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A sección segunda da Audiencia provincial de Pontevedra resolveu este martes mediante un acordo de conformidade un xuízo por lesións. No banco dos acusados sentaban dous homes por unha pelexa nun pub.
Inicialmente, o fiscal, Juan Carlos Aladro, pedía dous anos e medio de prisión para Rubén R.G. por agredir a outro mozo no interior dun pub golpeándolle cun botellín de cervexa no rostro. Ía xulgar tamén ao prexudicado, por propinar un golpe na cara ao sobriño do principal acusado. O fiscal solicitaba para el pena de multa por unha falta.
A acusación contra o prexudicado foi retirada pola fiscalía e a acusación particular, polo que o tribunal emitirá unha sentenza absolutoria. Respecto ao autor do botellazo, confesou os feitos e viu rebaixada a condena en seis meses ata quedar en dous anos de cárcere por un delito de lesións dolosas agravadas polo instrumento e o modo perigoso empregado.
Ademais Rubén terá que pagar 22.500 euros en concepto de responsabilidade civil, comprometéndose a efectuar o pago en dous prazos, un de 10.000 na execución da sentenza e outro pola cantidade restante na marxe de ano e medio.
A avogada do acusado pediu a suspensión da condena, algo ao que o fiscal non se opuxo aínda que reclamou que esta quede condicionada durante tres anos ao pago da indemnización.
Como consecuencia do golpe a vítima sofre un "importante prexuízo estético polas cicatrices que presenta".