Rodar unha película tamén pode ser cousa de nenos
Por Redacción
Os canteiros de Cotobade e as mariscadoras de Poio son as protagonistas dunhas películas moi especiais. Son pezas feitas por rapaces do CEIP de Tenorio e do IES de Poio, respectivamente. Estes dous centros están a participar no programa didáctico Cinema en curso.
Este proxecto pioneiro, coordinado en Galicia polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) dentro do Plan Proxecta da Consellería de Cultura e Educación, pretende propiciar o descubrimento por parte dos máis novos do cine entendido como arte, creación e cultura.
O programa busca potenciar as posibilidades pedagóxicas deste medio audiovisual dun xeito transversal. Durante meses, os profesores traballan nas aulas xunto a cineastas visitantes diversos conceptos cinematográficos. Esta metodoloxía vincula estreitamente a práctica creativa co visionado de películas e establece relacións entre o cine e outras disciplinas.
Os estudantes son autores de todos os procesos, desde o guión á montaxe, que sempre se desenvolven de forma colectiva. Durante a rodaxe, os cargos distribúense rotativamente, de xeito que todos pasan polas distintas tarefas dunha produción cinematográfica: dirección, axudantía, son, cámara...
Deste xeito, non só se lles ensina como facer cine, senón que tamén se lles aprende a traballar en equipo, a tomar decisións e responsabilidades ou a xerar consensos.
Xa na recta final deste programa, comezaron as rodaxes no exterior.
Así, alumnos de quinto de Primaria do CEIP de Tenorio de Cotobade rodaron os primeiros planos dunha historia que versará sobre os canteiros da zona e a importancia da pedra no lugar. Nesta tarefa serán axudados polo cineasta galego Marcos Flórez.
Tamén hai poucos días, o director Ángel Santos sacaba das aulas os seus alumnos do IES de Poio, estes xa de cuarto de ESO, para comezar a filmar un retrato das mariscadoras.
Os resultados destas rodaxes presentaranse a mediados de xuño na sede do CGAI na Coruña.