Os 342 proxectos que optan ás axudas de Ence avalan, segundo o PP, a súa postura sobre a pasteira
Por Redacción
Un total de 342 proxectos presentaron os colectivos de Pontevedra, Poio e Marín ás axudas que convocou Ence en cumprimento do pacto ambiental asinado coa Xunta. Este interese avala, segundo o PP, a postura que este partido mantivo acerca da continuidade da compañía pasteira en Lourizán.
"Sempre defendemos que Ence debía devolverlle a Pontevedra todo o que Pontevedra lle deu ao longo destes anos. Resulta evidente que moitos pontevedreses tamén o entenden así", destacou o portavoz municipal do PP, Jacobo Moreira.
Os populares lembran que durante todo o proceso para a solicitude destas axudas, "ningún colectivo contou co apoio do Concello de Pontevedra, polo que tiveron que informarse polos seus propios medios ou a través do grupo municipal do Partido Popular.
Neste sentido, o portavoz dos populares lamentou que ao BNG "non lle importou este interese, como se tan só gobernasen para as persoas que pensan como eles e non para o conxunto dos veciños de Pontevedra".
Para os populares con este grande número de solicitudes, queda demostrado que o interese entre os colectivos "foi moi alto, incluso maior do esperado nas previsións máis optimistas".