A hora máis escura
Por Redacción
Algunhas das principais institucións con sede nesta capital adheríronse á convocatoria da campaña da "Hora do Planeta" promovida todos os anos pola organización sen ánimo de lucro pola defensa da natureza e do medio ambiente WWF.
Baixo o lema "O planeta primeiro, que ninguén te pare", a data escollida este ano foi este sábado 25 de marzo, entre as 20:30 e as 21:30 horas. Durante eses 60 minutos, todos os edificios institucionais tiveron as súas luces apagadas como se pode comprobar no video.
Este 2017 marca o décimo aniversario dende a posta en marcha da iniciativa "A Hora do Planeta", que ten por obxectivo amosar o apoio da cidadanía, das entidades, dos concellos e demais institucións públicas, así como das empresas, á loita conxunta contra o cambio climático a través do xesto simbólico de apagar as luces durante unha hora.
Cómpre salientar que 2016 foi o ano de máis calor rexistrado dende 1880 e que cada ano deste século bateu o récord de temperatura acadado o ano anterior.
Ademais, "A Hora do Planeta" deste ano tivo un incentivo a maiores: a entrada en vigor do Acordo de París, a finais do ano pasado, contra o cambio climático. Este acordo internacional busca unha redución drástica das emisións de gases de efectos invernadoiro e o compromiso de diminución do consumo enerxético. Ademais, insta ás institucións públicas a informar e sensibilizar á cidadanía para que adopten unha forma de vida máis sa e responsable co clima.