"A riqueza amasada con coaccións segue en mans dos Franco, 80 anos despois"
Por Redacción
As consecuencias na actualidade da represión económica exercida polo franquismo centran a conferencia inaugural das xornadas da memoria de Pontevedra "Sobre vivencias: As consecuencias do golpe de Estado do 36, hoxe", que terá lugar o martes 28 de marzo ás 20.30 horas, na Casa da Luz.
A quinta edición dos encontros que organiza a Concellería de Patrimonio, abrirase con un tema que non pode estar máis de actualidade: O Pazo de Meirás. Será a través da charla "O espolio do Pazo de Meirás: unha historia de abusos e corrupción" que impartirán de xeito coral o historiador Manuel Pérez Lourenzo e Carlos Babío, probablemente unha das persoas que máis ten investigado este tema directamente vinculado coa súa familia, posto que á súa avoa, Josefa Portela, embargáronlle a finca, vivenda incluída, para agasallar ao ditador co pazo, aínda hoxe en mans da súa filla, de aí a inclusión da temática nas xornadas sobre a vixencia do legado franquista.
En plena polémica polo incumprimento de Carmen Franco Polo da súa obriga de abrir o pazo ás visitas, Pérez Lourenzo e Babío explicarán en Pontevedra o por que da escolla de Meirás para o agasallo ao ditador, e a represión levada a cabo para efectuar o espolio, mantido tras a entrega do pazo a Franco. Falarán tamén dos negocios que tras a súa morte, xa en democracia, seguen mantendo os herdeiros en Meirás.
A investigación dos poñentes desvelou que o espolio foi moito máis alá das lindes da mansión e que nel participaron e beneficiáronse as elites coruñesas xurdidas ao calor do franquismo, as mesmas que dirixiron a transición para asegurarse, entre outras cousas, de que o espolio continuara despois de Franco.
Tras esta charla inaugural, as xornadas continuarán na Casa da Luz os días 31 de marzo e 1 de abril.
O venres 31 de marzo e baixo o título "O que puido ser e o que somos" analizarase a influencia do fascismo nalgunhas das problemáticas da sociedade actual, como o machismo, a perda de dereitos laborais e civís ou as eivas medioambientais, a través de tres intervencións concatenadas a partir das cinco da tarde: A do historiador Xosé Álvarez Castro, a historiadora Encarna Otero e Luís Bará, concelleiro pontevedrés e parlamentar.
A xornada do venres pecharase cunha mesa redonda sobre a transmisión da represión franquista, que abordará o mantemento do discurso elaborado polos golpistas e o uso de novas ferramentas para contar o verdadeiro relato do que pasou. Compartirán mesa a xornalista Montse Fajardo, María Lores, neta de Aurelio Torres, sindicalista asasinado; as escritoras Susana Sánchez Aríns e Esther F. Carrodegua e Julia Lago, estudante.
A última xornada, a do sábado 1 de abril, iniciarase ás dez e media da mañá coa conferencia da psicóloga clínica e psicoanalista catalá Anna Miñarro, que abordará a transmisión do trauma entre xeracións na conferencia "O rostro e o rastro da violencia (1936-1939)".
Pechará o programa o historiador e escritor Carlos Velasco Souto, encargado de disertar sobre os vestixios do franquismo nas institucións democráticas. Será a partir das 12.00 na charla "Franquismo sen Franco. Pervivencias do espírito da ditadura no estado democrático".
A inscrición nas xornadas, de balde, pódese realizar a través do correo electrónico: patrimoniocultural@pontevedra.gal