As Xornadas da Memoria de Pontevedra analizarán se o franquismo pervive na nosa sociedade
Por Redacción
Segue vivo o franquismo na sociedade actual? Esa é a pregunta sobre a que virarán as quintas Xornadas da Memoria de Pontevedra. A Casa da Luz reunirá os días 28 e 31 de marzo e o 1 de abril a expertos en memoria histórica para comprobar se o réxime ditatorial permanece aínda hoxe nas institucións ou no sistema económico do noso país.
Baixo o título "Sobre vivencias: As consecuencias do golpe de Estado do 36, hoxe, o encontro abordará a supervivencia do franquismo desde un punto de vista amplo, sinalan os seus organizadores.
Así, estudarase o mantemento do relato elaborado pola ditadura contra a II República para xustificar o golpe de Estado, a continuidade das elites franquistas nas institucións democráticas e nos emporios empresariais ou a súa influencia nalgunhas das máis graves problemáticas actuais, como o machismo, a corrupción ou mesmo as eivas medioambientais.
O programa abrirase o martes 28 de marzo cunha conferencia centrada na corrupción franquista desde o punto de vista económico, e en concreto no espolio do Pazo de Meirás. Será impartida a partir das 20.30 horas polo investigador Carlos Babío e o historiador Manuel Pérez Lourenzo.
O venres 31 de marzo e baixo o título O que puido ser e o que somos analizarase a influencia do fascismo nalgunhas das problemáticas da sociedade actual, con tres intervencións concatenadas a partir das cinco da tarde.
A primeira será a do historiador Xosé Álvarez Castro, que falará dos avances republicanos truncados polo golpe, e en especial do ensino e as sociedades agrarias. A segunda da historiadora Encarna Otero, que falará do atraso que supuxo para as mulleres en particular a chegada dun franquismo que aniquilou os dereitos logrados na II República. Por último, o concelleiro Luís Bará analizará a pegada no territorio e na paisaxe.
A xornada do venres pecharase cunha mesa redonda, moderada pola xornalista Montse Fajardo, sobre a transmisión da represión franquista, que abordará o mantemento do discurso elaborado polos golpistas e o uso de distintas ferramentas como o teatro, o audiovisual ou a banda deseñada para contar o verdadeiro relato do que pasou.
Contará coa presenza de María Lores, neta de Aurelio Torres, canteiro asasinado no 36; Susana Sánchez Aríns autora de Seique, que falará da transmisión da memoria familiar desde o punto de vista das familias dos represores; Esther F. Carrodegua, autora do texto da obra de teatro Voaxa e Carmín sobre as dúas Marías de Compostela, e Julia Lago, participante no documental A pegada dos avós onde alumnado de secundaria pescuda no relato da represión.
A última xornada, a do sábado 1 de abril, iniciarase ás dez e media da mañá coa conferencia da psicóloga clínica e psicoanalista catalá Anna Miñarro, que abordará a transmisión do trauma entre xeracións na conferencia O rostro e o rastro da violencia (1936-1939).
Pechará o programa o historiador e escritor Carlos Velasco Souto, encargado de disertar sobre os vestixios do franquismo nas institucións democráticas. Será a partir das 12.00 na charla Franquismo sem Franco. Pervivências do espírito da ditadura no estado democrático.
A inscrición nas xornadas, de balde, xa se pode realizar a través do correo electrónico patrimoniocultural@pontevedra.gal.
Relacionadas:
-
A vixencia do legado franquista
Por Diego Torrado |
-
"A riqueza amasada con coaccións segue en mans dos Franco, 80 anos despois"
Por Redacción |
-
'Non des a esquecemento', relatos emocionais e éticos recollidos por Luís Bará sobre os silenciados
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Un mural de nomes silenciados lucirá no Concello en memoria das familias represaliadas
Por Mónica Patxot |
-
Salcedo rende homenaxe ás vítimas da represión franquista
Por José Luiz Oubiña |