Da Lama a México para pedir unha sección consular en Vigo
Por Redacción
O presidente da asociación de veciños de San Bartolomé de Xesta e concelleiro do PSOE na Lama, Enrique Vaqueiro, aproveitou unha recente visita a México para manter varias reunións que buscan impulsar a apertura dunha sección consular na cidade de Vigo que xestionaría accións como a expedición de pasaportes de urxencia, trámites do rexistro civil e cooperación comercial entre os dous países.
Segundo informou a través dun comunicado, durante as últimas semanas mantivo reunións con diversos sectores do goberno mexicano. Entre as persoas coas que se reunión está Ricardo Navarro Soto, director para Países Mediterrános da Secretaría de Relacións Exteriores do Goberno de México.
A reunión celebrouse nas oficinas de exteriores na praza Juárez da Cidade de México e Vaqueiro trasladoulle a súa "preocupación" pola "falta de cobertura" dos mexicanos que durante os meses de verán visitan Galicia. Segundo trasladou o concelleiro socialista, o director Navarro apoiou a proposta e instou a realizar unha reunión de traballo co embaixador en Madrid para concretar puntos en común e cales serían as necesidades técnicas para poñelo en marcha.
A reunión resultou frutífera, pois, sempre segundo a versión de Vaqueiro, redactouse un memorándum e enviouse toda a documentación á embaixada para un novo encontro. Respecto diso, explica que o seguinte paso será trasladarse a Madrid dentro de dous meses meses para continuar coas xestións, pero en principio confía en que "temos unha boa oportunidade" de prover a moitas persoas dun servizo consular en Vigo que facilite os seus trámites administrativos.
Ademais, Vaqueiro agradece o respaldo dos colectivos de galegos en México, que, segundo asegura, "observan con atención dita iniciativa".