As 220 novas vivendas en Campolongo, un paso máis preto
Por Alejandro Espiño
Lenta, pero segura. Así parece estar a ser a tramitación para o desenvolvemento do primeiro proxecto de polígono residencial en Pontevedra que é impulsado directamente pola iniciativa privada. A comisión de Urbanismo deu conta dos últimos pasos.
Trátase dun polígono de 16.429 metros cadrados, delimitado polas rúas Alfonso X, Fernando II, rúa das Perliñas e o Camiño das Abilleiras, e situado nas proximidades do edificio administrativo da Xunta, o colexio da ONCE e o instituto Torrente Ballester.
Alí prevese construír catro edificios con baixo e cinco alturas, nos que se proxectan máis de 220 vivendas. O Plan Especial de reforma interior desta mazá abarca 22.868 metros cadrados e cederase ao Concello unha parcela de 363 metros cadrados, que estará destinada a equipamentos e que contará cunha edificabilidade de 2.396 metros cadrados.
Ademais, haberá catro espazos públicos intercalados entre os edificios e habilitaranse 474 prazas de aparcadoiro, das cales 359 estarán no parking subterráneo que estará situado debaixo dos cinco inmobles.
Todo este ámbito será urbanizado en canto se aprobe definitivamente o proxecto e abriranse novas rúas que mellorarán tamén a mobilidade peonil e de vehículos no barrio. Os máis importantes serían dúas rúas a ambas as marxes da urbanización, entre o edificio da Xunta e a rúa Fernando II.
A comisión foi informada da constitución da xunta de compensación, da que forman parte todos os propietarios que impulsan esta iniciativa, máis dunha decena.
O desenvolvemento deste polígono leva tramitándose desde o ano 2010.