Avanza a tramitación dun polígono residencial de máis de 220 vivendas en Campolongo
Por Alejandro Espiño
Unha das zonas de expansión da cidade de Pontevedra sitúase no barrio de Campolongo. Nos últimos anos non parou de crecer a presión poboacional nel. E a previsión é que siga aumentando, entre outros polo primeiro proxecto de polígono residencial que impulsou directamente a iniciativa privada. Lévase tramitando dende o ano 2010 e segue avanzando para ser unha realidade o antes posible.
Trátase dun polígono de 16.429 metros cadrados, delimitado polas rúas Alfonso X, Fernando II, rúa das Perliñas e o Camiño das Abilleiras, e situado nas proximidades do edificio administrativo da Xunta, o colexio da ONCE e o instituto Torrente Ballester.
Alí prevén construír catro edificios con baixo e cinco alturas, nos que se proxectan máis de 220 vivendas. O Plan Especial de reforma interior desta mazá abrangue 22.868 metros cadrados e cederase ao Concello unha parcela de 363 metros cadrados, que estará destinada a equipamentos e que contará cunha edificabilidade de 2.396 metros cadrados.
Ademais, haberá catro espazos públicos intercalados entre os edificios e habilitaranse 474 prazas de aparcamento, das cales 359 estarán no aparcadoiro soterrado que estará situado debaixo dos cinco inmobles.
Todo este ámbito será urbanizado en canto se aprobe definitivamente o proxecto e abriranse novas rúas que mellorarán tamén a mobilidade peonil e de vehículos no barrio. Os máis importantes serían dúas rúas a ambas as dúas marxes da urbanización, entre o edificio da Xunta e a rúa Fernando II.
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, que informou este martes da aprobación dos estatutos da Xunta de Compensación do polígono, expresou que se trata dun proxecto "bonito e interesante" porque ten unha dimensión "considerable" e, especialmente, porque nace da propia iniciativa privada.
Neste caso, impulsa esta iniciativa máis dunha decena de propietarios. O principal é Promocións Pelete, que conta con máis do 50% das accións da sociedade limitada creada a tal efecto, segundo explicou o edil socialista.