O Salnés pedirá un novo obradoiro de emprego para restaurar máis muíños
Por Redacción
O Obradoiro de Emprego da Mancomunidade do Salnés ven de rematar deixando como balance en Sanxenxo tres muíños rehabilitados, dous deles en Bordóns e o de "Xián" en Dorrón, construcións que conformarán unha ruta que permitirá poñer en valor a próspera actividade agrícola que se desenvolvía nas parroquias de Sanxenxo.
O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, acompañado polo edil de Patrimonio, Maxi González, supervisaron a finalización dos traballos, unha actuación que supón ademais a recuperación dunha contorna de gran valor natural.
A Mancomunidade do Salnés renovará en breve a solicitude dunha nova edición do Obradoiro de Emprego, no que Sanxenxo incluirá de novo a recuperación dalgúns muíños, xa que o goberno local busca o deseño global dunha ruta que enlace os muíños recuperados xa na zona de Aldariz coa incorporación de novas edificacións rehabilitadas que poidan incluírse.
Tanto o alcalde como o edil de Patrimonio consideran que é necesario dotar a Sanxenxo de novos elementos que poñan en valor tanto a riqueza natural como a patrimonial do municipio como alternativa turística. O val de Dorrón e o núcleo de Bordóns entenden que reúnen as características necesarias para converterse nun dos principais activos de Sanxenxo á hora de falar de turismo de natureza.
"Estamos moi satisfeitos co resultado deste traballo e confiamos en que na vindeira edición poidamos continuar a recuperar o noso patrimonio, xa que para Sanxenxo é fundamente diversificar e dotar ás parroquias de recursos", explica Gonzalo Pita.