Internet a fume de carozo nos polígonos industriais
Por Oskar Viéitez
Aínda non comezara a rolda de prensa, os políticos chegaban tarde, e mentres os xornalistas estaban a falar sobre os seus problemas coas distintas compañías de telefonía móbil, que se a cobertura, a velocidade, a configuración da wiffi,... "por alusións, podo intervir?", espetou entón o director xeral de R, Alfredo Ramos.
Tan seguro está do seu produto que este directivo non tivo problema algún en dar a cara. Explicou como configurar o router e as melloras que os seus clientes van experimentar nestes días. Nesas estaba ata que chegou, despois de 15 minutos de atraso, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, acompañada do delegado territorial da Xunta, Cores Tourís.
O motivo da comparecencia de prensa foi a presentación do Plan de Banda Ancha da Xunta, que facilitará este ano acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps a once polígonos empresariais da provincia de Pontevedra.
As actuacións do plan xa comezaron en 2016 e xa hai sete polígonos que dispoñen deste servizo.
Ademais como complemento a esta actuación, o DOGA publica este luns unha convocatoria de axudas para dotar de redes ultrarrápidas a empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural.