Campolongo está en festas!
Por Diego Torrado
O traballo dun grupo de veciños de Campolongo para lograr recuperar o esplendor pasado das festas do barrio púxose a proba esta fin de semana cos dous días centrais da celebración. Á espera dunha valoración final, o que resultou evidente foi a notable asistencia de persoas ás actividades programadas. Ao longo da xornada deste sábado, os puntos centrais dos festexos estiveron cheos tanto de xente como de festa.
Este domingo será o día grande das festas, que se celebran en honor a San José, e non faltará a vertente máis relixiosa da celebración, coa misa solemne ao mediodía e a posterior procesón arredor do templo.
Ademais, non faltará a diversión, cun grande protagonismo da música da man da escola de artes Estudo Bonobo e do señor Raúl & Cía, que se encargará da sesión vermú. Pola tarde a actividade xirará arredor dun campionato de petanca ás 16.00 horas, da tradicional chocolatada popular e, ás 18 horas, da música de Carlos Tomico e Elena, que adentrarán ao público no mundo do Lindy hop e o swing.
Este sábado, a festa comezou co pasarrúas da agrupación 'Pousos da Area' polos lugares máis emblemáticos do barrio e xa non parou ata a medianoite cun programa de actos que incluía concertos no entorno da igrexa de San José e a estrea dunha das actividades centrais e máis innovadoras deste ano, as 'foodtrucks', que o sábado serviron comida durante todo a xornada e este domingo a partir das 12.00 horas de novo.
A fusion musical de Reynier Aldana e o zumba que adoita soar nas clases das piscinas de Campolongo foron a banda sonora da mañá, na que Mace Sport tamén ofreceu unha exhibición de Taekwondo. Xa pola tarde, de novo a música gañou protagonismo coas actuacións de La pistola del manco e Brinkadelia Troupe.
As actividades estiveron pensadas para todas as idades, de aí que tomara protagonismo o alumnado do CEIP Campolongo cun show de Ecopercusión e os integrantes do Club Escola Hungaresa de Esgrima Pontevedra cunha exhibición. Inchables, obradoiros, pintacaras e xogos populares animaron a zona infantil, na que non faltou un circuito de obstáculos para menores de 14 anos e unha actividade de recuperación do emblemático cogomelo -'seta'- do parque.