Un ferido nunha aparatosa colisión entre Bora e Carballedo
Por Redacción
Un accidente de tráfico con dous vehículos implicados deixou un ferido grave na tarde deste venres na estrada que comunica a parroquia pontevedresa de Bora e Carballedo, en Cerdedo-Cotobade.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, os bombeiros tiveron que intervir para liberar unha persoa que quedara atrapada no interior do seu coche. Outras fontes indican que se trata dunha persoa de idade avanzada que circulaba nun dos dous vehículos. Tras ser liberado, o ferido foi trasladado ao Hospital Montecelo.
En concreto, o sinistro tivo lugar na PO-233. O 112 Galicia recibiu o aviso do sinistro por parte da Garda Civil de Tráfico ás 18.30 horas e mobilizou a Urxencias Médicas e aos Bombeiros, que se desprazaron ao lugar dos feitos cun equipo de excarceración.