Desmantelado un taller clandestino de manipulación de armas ao que acudían clientes de toda a provincia e Portugal
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un anuncio sobre venda de armas que aparecía publicado nunha coñecida páxina web a finais de 2016 puxo sobre a pista á Garda Civil sobre unha persoa dedicada á reparación e venda ilegal de armas de fogo. Os servizos de Información e Intervención de Armas da Comandancia de Pontevedra fixeron o resto e, coas súas investigacións, lograron localizar e desmantelar un taller clandestino situado nun galpón de Tomiño desde o que un experto artesán era capaz de facer cualquera manipulación.
A operación, dirixida polo Xulgado de Instrución número 2 de Tui, segue aberta, pero este xoves xa se produciu un dos seus momentos estrela coa detención do responsable do taller, un veciño de Tomiño de 50 anos que tiña un traballo legal do que non transcenderon datos e, nos intres libres, sacaba un sobresoldo con esta actividade ilícita. Os ingresos eran substanciosos e tiña unha casa de grandes dimensións e valor, con piscina incluída. Este venres, tras pasar a disposición xudicial, decretouse a súa posta en liberdade coa obriga de comparecer cada 15 días no xulgado.
Estaba situado en Tomiño, pero o taller recibía clientes de toda a provincia e, principalmente, de Portugal. Están aínda por identificar todas esas persoas que recorreron aos servizos do artesán armeiro, pero xa se pode destacar o éxito da operación, que se bautizou 'Susurro'. Este venres insistiron nos logros o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e o coronel da Garda Civil de Pontevedra, Miguel Estévez, que deron unha rolda de prensa e presentaron o arsenal localizado.
Unha das evidencias dese éxito era, segundo destacou o delegado, que "impedirá en el futuro que estas armas puedan trasladarse al mercado y legar a otro destino que no sea el deseado". Respecto diso, o coronel Estévez explicou que tanto no galpón anexo como na vivenda do detido localizaron armas curtas e longas, canóns recortados, canóns fresados para que poidan ser de novo operativos... Un completo arsenal que"en cualquier momento puede servir para un atraco, para un asalto, para lo que sea", de modo que se evitou que cheguen a mans de delincuentes potencialmente perigosos
No rexistro realizado no galpón e a casa atopáronse, en concreto, catro rifles de caza maior e 20 escopetas de caza, seis armas curtas (catro revólveres e dúas pistolas) e distintas pezas soltas, entre elas un silenciador e tres canóns para as escopetas. Ademais, o coronel Estévez destaca que se localizou unha importante cantidade de munición: 15.500 cartuchos de caza de distintos calibres; 68 cartuchos de guerra do calibre 7,62, xunto con 650 de varios calibres para arma curta e 1.550 para arma longa.
A Garda Civil está pendente de ver a numeración das armas e a orixe desta cantidade enorme de munición e seguirá facendo investigacións para pescudar a procedencia das armas e dirimir as supostas responsabilidades legais nas que puideron incorrer os propietarios das escopetas, que estean documentadas, por entregar as armas a un establecemento non autorizado.
O home, que carece de antecedentes, foi detido polos delitos de tenencia, tráfico e depósito de armas e municións, pois a Garda Civil ha podido pescudar que ademais de manipular as armas, dedicábase a cómpraa venda no mercado ilícito. Agora continuarán as investigacións para determinar con máis detalle a entidade e o volume do negocio ilegal que esta persoa viña realizando.