Cidadáns solicita a reparación urxente dos lavadoiros de Mourente
Por Oskar Viéitez
A concelleira de Cidadáns en Pontevedra, María Rey, presentou unha moción coa que busca o apoio do pleno da corporación para instar ao Concello de Pontevedra a analizar o estado dos lavadoiros da parroquia de Mourente, identificando os problemas concretos de cada un, para logo acometer as reformas necesarias.
Maria Rey considera que Mourente é unha das parroquias de Pontevedra co conxunto máis grande de lavadoiros, "o que representa un rico patrimonio cultural que, por desgraza, atópase moi descoidado".
A edil laranxa sinala que o "estado lamentable" que presentan algúns destes lavadoiros supón tamén "un perigo para os seus veciños e veciñas xa que, como constatamos, algúns se atopan en uso".
Por este motivo, aprémase ao Concello a solucionar os problemas máis urxentes e que teñen que ver cos lavadoiros da Raxeira, Lugar de Mourente, Rúa da Pomba e Areás para garantir a seguridade da cidadanía e salvagardar o valor cultural que estes representan.