Nove equipos enfróntanse este sábado na primeira eliminatoria do Club do Debate
Por Redacción
Os institutos Sánchez Cantón, Luís Seoane, Torrente Ballester, Ponte Caldelas e o colexio San Narciso de Marín, ademais de dous equipos do Xulián Magariños de Negreira e de dous centros de Rois participarán durante esta xornada este sábado no Pazo da Cultura na tradicional eliminatoria do Club de Debate.
Os estudantes terán que debater sobre un tema de máxima actualidade, o relacionado coa acollida de persoas refuxiadas.
O xurado composto por cinco profesores de lingua e responsables da comunicación terá que decidir quen gañará e pasará á final de Galicia e levará o vale de 500 euros para comprar libros en galego, un exemplar de Sempre en Galiza, de Castelao para expoñer no seu centro ata a seguinte convocatoria do Club de Debate.
O segundo clasificado tamén accederá á final que se celebrará en Compostela o 6 de maio e recibirá un vale de 300 euros para a compra de libros en galego. Na final debaterase sobre o futuro da lingua galega entre a mocidade.
Participarán en total, en toda Galicia, 27 equipos con máis de douscentos estudantes de terceiro e cuarto da ESO e primeiro de bacharelato.