Suspéndese a folga da estiba prevista para os días 6 e 8 de marzo
Por Redacción
Os sindicatos convocantes da folga de estibadores prevista para tres días da próxima semana decidiron suspender este paro durante os días 6 e 8 de marzo. Con esta medida, queren mostrar a súa intención de alcanzar un acordo coa patronal e co Goberno, que se está atopando con dificultades para acometer a reforma da estiba no Parlamento do Estado.
Ante esta situación, os representantes dos traballadores agardan que se poida establecer unha negociación para que se alcance un acordo ao longo dos próximos días.
En todo caso, os convocantes manteñen a folga para o venres 10 de marzo no caso de que non se acheguen as posturas. No Porto de Marín traballan máis dunha ducia de persoas na estiba, segundo apuntaba Xabier Aboi, do sindicato CIG.