Espectacular detención da Policía Local: "El hombre iba con una pistola y dije: cuidado, no vayan a pegarnos tiros"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A rúa San Antoniño de Pontevedra foi escenario este xoves de tres detencións que, en todos os casos, estiveron marcadas por unha inusual espectacularidade. Nunha delas a Policía Local detivo un home que protagonizara un incidente no bar Tropical. Noutra intervención diferente, arrestaron dúas persoas por tráfico de drogas, unha delas tamén por agredir un policía.
Este segundo incidente ocorreu poucos minutos antes das cinco da tarde. Fontes da Policía Local confirmaron que se produciron dúas detencións relacionadas co tráfico de drogas e testemuñas presenciais explicaron que a un dos homes detivérono na propia rúa San Antoniño e ao outro cando fuxía en dirección a Loureiro Crespo. Os arrestos realizáronos axentes da Policía Local, pero daquela a Policía Nacional fíxose cargo dos dous individuos e varias patrullas deste corpo desprazáronse ata o lugar e trasladáronos á Comisaría Provincial.
As traballadoras do salón de peiteado 'New Style' de San Antoniño presenciaron estes arrestos e, pouco despois, explicaron que estaban dentro do seu negocio cando viron que pasaban dous homes que lles pareceu que fuxían e confundíronse pensando que podían ser ladróns que acababan de roubar nalgún local próximo. Tras eles ía un policía de paisano.
Un dos dous homes que fuxía "íba armado" e o policía, do que indican que "fue muy astuto", "le agarró y agarró la pistola". Segundo explicaron, ía correndo e "le cayó ahí la pistola", en referencia a un punto da rúa San San Antoniño próximo ao seu local.
A escena causou gran alarma no barrio. "¿Sabes lo que es ver a ese hombre paseando por aquí con la pistola y el policía agarrándole?", sinalaba unha das testemuñas. Unha das empregadas do salón de peiteado engade que pasou medo ao ver armado a un dos detidos: "Iba con una pistola y yo dije: cuidado, no vayan a pegarnos tiros a nosotros".
En relación co incidente do bar Tropical fontes policiais indicaron que un individuo que presuntamente estaba baixo os efectos das bebidas alcohólicas ameazou ao camareiro e os clientes do local. Cando avisaron á Policía e presentáronse os axentes municipais, tentou agredir a un dos clientes e procedeuse á súa detención.