Falece o concelleiro popular de Vilagarcía Antonio "Tucho" Carballo
Por Diego Espiño
Antonio Carballo Brianes "Tucho", concelleiro de Medio Rural no Concello de Vilagarcía, faleceu este luns no Complexo Hospitalario de Pontevedra, onde ingresara o sábado.
O edil popular, unha das fichaxes de Tomás Fole para a última campaña, recuperándoo das filas do partido independente IVIL, ausentouse o venres da Xunta de Goberno ao encontrase indisposto, unha doenza que non parecía importante e moito menos facía presaxiar o fatal desenlace.
O Concello de Vilagarcía decretou dous días de loito oficial, suspendendo todos os actos da axenda ante unha noticia que consternou á corporación municipal.
Tucho Carballo, de 67 anos, era veciño de Sobradelo, onde este martes ás 17:00 horas se celebrará o seu funeral. Iniciouse en política nas filas do Partido Popular, onde foi concelleiro entre os anos 1995 e 1998, cando dimitiu. Pouco despois se enrolou nas filas de IVIL, reintegrándose no PP nas últimas eleccións municipais.