Reclaman á Unión Europea que Cuntis sexa incluída no mapa galego de áreas con risco de inundación
Por Redacción
A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada grupo confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica, considera necesario que o municipio de Cuntis sexa incluído "canto antes" no mapa galego das áreas con risco potencial significativo de inundación.
Por iso, "ante o desleixo da Xunta", a europarlamentaria acaba de rexistrar unha pregunta por escrito dirixida á Comisión para que inste á administración autonómica a tomar medidas fronte ás continuas enchentes do río Gallo.
Senra explica que os veciños de Cuntis levan máis de 20 anos reclamando unha solución para os desbordamentos do río Gallo e dos seus afluentes, "un problema que se agravou coa construción da variante da estrada N-640, que deixou un desaugadoiro do río insuficiente para o caudal".
Hai tamén rúas con "serios problemas" na rede de sumidoiros e "non se fai correctamente" a separación de augas pluviais de fecais que chegan á EDAR, o que agrava, ademais, os problemas ambientais. Os colapsos das canles fluviais provocan anualmente cuantiosos danos materiais nas casas e en establecementos comerciais, algo do que está ao tanto a administración estatal, xa que o Consorcio de Compensación de Seguros tivo que indemnizar a moitos veciños en reiteradas ocasións por esta situación.
No ano 2014 Augas de Galicia excluíu a Cuntis das áreas con risco potencial significativo de inundación, unha decisión que Lidia Senra quere saber se inclumple a Directiva Europea. Lembra a eurodeputada galega que estes mapas non se volverán a actualizar ata 2022 e que por tanto non hai nada que facer ata ese ano. Senra pregúntalle á Comisión Europea que mecanismos considera que se deben poñer en marcha para atallar o risco e perigo de enchentes no muncipio xa.
A tramitación da resposta adoita tardar entre catro e seis semanas.
Relacionadas:
-
Augas de Galicia acomete os traballos de limpeza do río Gallo en Cuntis
Por Redacción |
-
En Marea solicita a Fomento que arranxe a tubaxe na N-640 ao seu paso por Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis urxe a limpeza do río Gallo para evitar males maiores
Por Oskar Viéitez |
-
Comerciantes e veciños reclaman a limpeza do río Gallo ao seu paso por Cuntis
Por Redacción |