Un anticiclón garante unha semana de tempo asollado nas Rías Baixas
Por Redacción
Arranca a semana coas Rías Baixas baixo a influencia anticiclónica.
Segundo a previsión de Meteogalicia, espéranse ceos pouco nubrados ou despexados, con néboas matinais e algunhas nubes baixas pola mañá.
As temperaturas serán frías a primeiras horas do día aínda que subirán pola tarde. Nas Rías Baixas as máximas roldarán os 19.
Os técnicos sinalan que o arranque desta semana estará marcado por días de tempo seco cun ambiente primaveral.
As altas presións continuarán aínda preto da nosa comunidade ata o xoves, pero tenderán a debilitarse e poderían permitir o achegamento de aire frío e de inestabilidade dende o Atlántico.
Isto significa que na fin de semana teríamos o ceo algo máis anubrado, as temperaturas diúrnas non serían tan elevadas como nos días anteriores e mesmo poderían producirse algunhas chuvias febles en Galicia, con maior probabilidade na metade oeste.
Esta situación meteorolóxica intermedia entre altas e baixas presións podería continuar nos primeiros días da seguinte semana.