Portas pide cartos á Deputación para afrontar as débedas do concello
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres a primeira das concesións, no marco da liña 2 do Plan Concellos 2017, para a amortización, pagamento de débedas e gasto corrente así como outros derivados da realización de actividades culturais, deportivas ou sociais.
Esta primeira das achegas aprobadas ten un valor de 209.933,10 euros que serán destinados a catro concellos da provincia entre eles o de Portas.
Portas recibirá unha achega de 55.440,15 euros para a amortización da débeda do concello.
A presidenta da administración provincial, Carmela Silva sinalou que "esta é unha liña moi relevante porque lles permite aos concellos facer fronte a todas estas actividades, e polo tanto garantir que as veciñas e veciños dos concellos da nosa provincia poidan desenvolver unha serie de proxectos imposibles de subvencionar sen os recursos da Deputación de Pontevedra", así como facer fronte ás súas obrigas. Deste xeito, remarcou a Presidenta provincial, "se esta liña non existira moitos deles non cumprirían as leis que marca o goberno do Estado e que formulan a obriga de pagar aos acredores en tempo, a reducir a débeda e tamén a facer fronte ao gasto corrente".
Tamén Catoira recibirá 40.889,75 euros para o pagamento de acredores de gasto corrente e Vila de Cruces recibirá 96.663,20 euros para gasto corrente novo.
Por outra banda, a institución provincial achega a Vilanova de Arousa outros 16.940 euros, neste caso será para gastos derivados da actuación musical de verán da Festa do Mexillón e do Berberecho.