A penúltima de cinco irmáns, a súa infancia e adolescencia transcorreu en Portas. Ana Isabel Vázquez facía quinielas cos seus irmáns sobre as cancións máis exitosas que escoitaban na radio. Caldas, foi o munipio onde estudando BUP tivo claro que o seu era a Filoloxía.
En Santiago de Compostela fixo a carreira universitaria e ao terminar entrou no mercado laboral intercalando varias actividades. Logo chegou a docencia no ámbito universitario, desde o Centro Asociado da Uned en Pontevedra.
A timidez sempre a acompañou, con menos presenza co paso dos anos e as distancias curtas, onde gaña o terreo con fartura. Muller tamén activa, meteuse na política -foi concelleira co PP en Pontevedra e deputada provincial con responsabilidades nese goberno-. Tras ese vórtice de actividade, volveu á Uned onde ademais seguiu sumando idiomas ao seu currículo.
Soubo do concurso á xerencia da Fundación Cidade da Cultura, e quixo probar -aí estivo unha vez máis o seu marido Pablo para animala a dar o paso-, e o resultado foi o agora coñecido.
Contamos nesta Playlist de PontevedraViva Radio cunha muller discreta, constante nas súas metas, responsable coas súas responsabilidades e cun desexo musical pendente: poder estar nun concerto de Tina Turner.